Thursday 16 de May de 2024

Secundino García e Araceli Bellas participan nos encontros “Onde vivimos” organizados pola Asociación Nuestra Señora de Chamorro


San Sadurniño participou esta semana no programa “Onde vivimos” organizado pola Asociación Nuestra Señora de Chamorro co obxectivo de que as persoas usuarias do seu centro -6 delas veciñas nosas- coñezan un pouco mellor os concellos da comarca.

A concelleira de Igualdade, Araceli Bellas, e o alcalde, Secundino García, visitaron as instalacións situadas no Val para contarlles algunhas cousas sobre o noso municipio -situación, patrimonio e recursos turísticos máis destacados, servizos e programas que ofrece, etc.-, ademais de conversar coas usuarias e usuarios sobre outros temas do seu interese.

Durante estes días, o centro de Nuestra Señora de Chamorro recibiu a visita de representantes municipais de distintos municipios da zona co obxectivo de estreitar as relacións entre a entidade e os concellos e, máis que nada, seguir concienciando sobre a necesidade de inclusión e de apoio á autonomía das persoas con discapacidade intelectual.

Os usuarios e usuarias agasallaron o rexedor e a concelleira cunha camiseta deseñada e estampada no seu taller ocupacional. Secundino García e Araceli Bellas, pola súa banda, convidaron ao grupo a visitar San Sadurniño.

Podedes ampliar información sobre o traballo da asociación nesta ligazón: https://www.asociacionchamorro.org/